Úlcera venosa

0 comentarios comentarios

Úlcera venosa

.....

​DEFINICIÓN

Lesión localizada entre o xeonllo e o nocello que non cicatriza polo menos durante catro semanas e que ocorre en presenza de insuficiencia venosa crónica.
 
EPIDEMIOLOXÍA
 
Son o tipo máis común de úlceras da extremidade inferior. Entre o 75 e o 80% das úlceras da extremidade inferior son de etioloxía venosa. A incidencia é entre dous e cinco novos casos por mil persoas e ano. Se consideramos os datos doutros países, como o Reino Unido, podemo falar do 0,1 ao 0,3 %, que se incrementa coa idade.
 

ETIOPATOXÉNESE

A insuficiencia venosa crónica (IVC) fai referencia a un grupo de síndromes clínicas cuxa base fisiopatolóxica común é a hipertensión venosa ambulatoria e evolutiva nas extremidades inferiores.

A hipertensión venosa (HTV) pode orixinarse de forma primaria ou secundaria. Na forma primaria, a causa máis frecuente son alteracións conxénitas ou hereditarias que afectan a funcionalidade e distribución valvular en certos segmentos venosos, e as alteracións morfolóxicas da parede venosa. As anxiodisplasias considéranse formas primarias con alteracións morfolóxicas máis complexas. Nas formas secundarias, a trombose do sistema venoso profundo é a causa máis frecuente.

A hipertensión venosa pode afectar o sistema venoso superficial (sistema da vea safena interna ou externa) e provocar o desenvolvemento de varices ou afectar o sistema venoso profundo (sectores iliofemoral ou fémoropoplíteo). A afectación destes sistemas pode ser simultánea ou única.
Entre os factores de risco que contribúen ao desenvolvemento da hipertensión venosa e condicionan a aparición de manifestacións clínicas e o curso evolutivo atópanse a obesidade, as alteracións estruturais do pé (pé plano), a xestación, a bipedestación habitual e prolongada,
factores hormonais ou o sedentarismo. Estes factores inciden tanto no desenvolvemento da lesión como na súa cronicidade. Algúns outros, como a malnutrición, o uso de drogas a nivel parenteral, así como certas comorbilidades, contribuirían tamén a esta cronicidade na súa evolución.
A hipertensión venosa é a consecuencia da disfunción das variables hemodinámicas do fluxo venoso, polo que se produce un aumento da presión sobre os segmentos distais (maior de 10-15 mmHg) que contribúe en menor ou maior medida unha disfunción dos mecanismos de bomba muscular. A estase venosa produce alteracións hemorreolóxicas e a activación leucocitaria que deriva en fenómenos de trombose capilar, con dano da célula endotelial, migración de macrófagos ao intersticio tisular e liberación de radicais libres, infarto tisular. Prodúcense, polo tanto, cambios na microcirculación que provocan isquemia tisular e o desenvolvemento da lesión.

 

 

 

 

Comentarios:
Non se realizou ningún comentario
Publica o teu comentario
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde